Trasládase o servizo de atención temperá a novas instalacións

Foto arquivo. O Alcalde nas novas instalacións para o servizo de atención temperá na Laracha
Foto arquivo. O Alcalde nas novas instalacións para o servizo de atención temperá na Laracha

As instalacións foron adaptadas polo Concello da Laracha no primeiro andar do edificio de servizos múltiples

O servizo de atención temperá estrea as novas instalacións adaptadas polo Concello no primeiro andar do edificio de servizos múltiples da Laracha. O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, visitaron ese emprazamento xunto ao novo persoal deste programa. Neste curso está composto por psicóloga, terapeuta ocupacional, fisioterapeuta e logopeda.

As instalacións, de titularidade municipal e situadas na céntrica Avenida Doutor López Astray da Laracha, destacan pola súa amplitude. Ademáis contan co equipamento necesario para reforzar o servizo de acordo ás necesidades que presentan tanto os profesionais como os usuarios.

Para poboación infantil

O servizo de atención temperá consiste nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil (0 a 6 anos), á súa familia e ao seu contorno. Teñen por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos. A finalidade é facilitar a súa autonomía persoal e inclusión social. A clave é poder detectar esas dificultades o ante posible para obter os mellores resultados da atención profesional.

Actualmente son trinta e cinco os menores usuarios deste servizo no Concello da Laracha. É preciso lembrar que a derivación dos nenos ao programa de atención temperá é a través do servizo de pediatría do centro de saúde. Alí debe acudir a familia se sospeita que o cativo pode presentar un trastorno do desenvolvemento. Posteriormente será valorado polo equipo municipal de servizos socias. Pódese solicitar cita previa chamando ao 981 612811.

O servizo de atención temperá préstase desde o Concello da Laracha co apoio económico da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.