Andainas por Arteixo, Carballo e Oleiros

Andainas de Outono organizadas polo Concello da Laracha. Imaxe Sisalde (Arteixo)
Andainas de Outono organizadas polo Concello da Laracha. Imaxe Sisalde (Arteixo)

A inscrición as andainas está limitada a persoas empadroadas na Laracha, é gratuíta e xa está aberta

O Concello da Laracha abre a inscrición para participar no programa Andainas de Outono que inclúe tres rutas a realizar por espazos naturais de municipios próximos á Laracha. O propósito é ofrecer á cidadanía unha alternativa de aproveitamento do tempo libre. Ao mesmo tempo, potencia os estilos de vida saudables coa promoción da actividade física:

  • A primeira ruta será no río Sisalde do municipio de Arteixo este domingo día 23 de outubro. Trátase dun percorrido circular de sete quilómetros e dificultade baixa con inicio e fin na praia de Barrañán.
  • O domingo 13 de novembro farase a Ruta das Férvedas en Carballo, con inicio na Férveda de Rus e fin na capela de San Paio. É un percorrido de once quilómetros e dificultade moderada.
  • A terceira e última andaina será pola costa de Dexo, en Oleiros, o domingo 27 de novembro. O punto de inicio está previsto en Seixo Branco e o remate, na igrexa de Santa María de Dexo. A distancia é de sete quilómetros e a dificultade é baixa.

Para todos e gratuíta

En todos os casos o autobús partirá desde a praza Les Sables d’Olonne da Laracha ás 9:30 horas, mesmo lugar ao que regresará ao remate da actividade. A participación vai dirixida en exclusiva a persoas -de calquera idade- empadroadas no termo municipal da Laracha. As inscricións son gratuítas e xa poden formalizarse cubrindo o formulario. O mesmo está dispoñible na web e redes sociais municipais, ou ben acudindo á Casa do Concello ou chamando ao 981 605001.