Modificación da taxa pola recollida de lixo

O pleno acorda a modificación da taxa pola recollida de lixo para adaptala á normativa estatal. 
O pleno acorda a modificación da taxa de recollida de lixo.
O pleno acorda a modificación da taxa pola recollida de lixo.

O alcalde anunciou bonificacións para familias numerosas e reducións do 10 % nos fogares que se acollan a programas para xerar menos lixo.

O Pleno da Corporación municipal da Laracha reuniuse, o 28 de outubro, nunha sesión extraordinaria na que unha das cuestións de maior relevancia foi a aprobación provisional da modificación da ordenanza fiscal número 3.4 reguladora da taxa pola recollida de lixo. A actualización, que implicará unha subida das tarifas, faise, como apuntou o alcalde, José Manuel López Varela, por “imperativo legal” dada a necesidade de adaptar a normativa municipal á Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que entrou en vigor en 2024.

Esa nova lei, de ámbito estatal, obriga a que as taxas municipais cubran a totalidade do custo real do servizo, polo que é necesario revisar as tarifas para cumprir con esa esixencia. López Varela mostrou a súa inconformidade con esta lei, xa que “non respecta a autonomía local nin a potestade económica a nivel municipal, pero é o que temos que aplicar porque nos vén imposto polo Goberno central”. Aínda así, apuntou que a da Laracha continuará sendo a taxa máis baixa da bisbarra.

Novas tarifas anuais pola recollida de lixo

As tarifas anuais quedarán fixadas en 98 euros para vivendas rurais, 110 euros para vivendas urbanas e, no caso da hostalería e establecementos de alimentación, oscilarán entre 208,80 e 1.498,10 euros segundo a tipoloxía e situación do negocio. Para as actividades económicas en xeral, a taxa será de entre 113,80 e 468,80 euros, tamén dependendo dos condicionantes anteriores.

Como datos económicos, o alcalde informou que o custe do servizo (que inclúe recollida, transporte e tratamento do lixo, así como os servizos de punto limpo, recollida de voluminosos e o punto limpo móbil que entrará en funcionamento en próximas datas) ascende a 779.242,42 euros anuais, e que o déficit actual para o Concello é de 257.000 euros.

A ordenanza contemplará bonificacións na taxa de ata o 40 % para familias numerosas e reducións do 10 % para os fogares que participen en programas de redución do lixo, incentivando así boas prácticas ambientais ás que se poderán acoller todas as vivendas rurais e urbanas. Ditos descontos compensaríanse coas bonificacións de Sogama ao Concello pola xestión eficiente do lixo.

Este asunto saíu adiante cos votos en contra dos tres edís do grupo municipal do BNG e a abstención dos dous concelleiros do grupo do PSOE. Tralo acordo plenario, o texto estará trinta días en exposición pública antes de elevar a aprobación a definitiva. A entrada en vigor sería o 1 de xaneiro de 2026.

Outros asuntos

Outro dos puntos que se votou foi a aprobación provisional da modificación da ordenanza fiscal número 7, reguladora da taxa pola utilización de instalacións deportivas municipais. O texto renóvase para adaptalo á realidade actual das infraestruturas existentes na Laracha e tamén actualiza as tarifas, que quedarán en 15 euros polo aluguer por hora dos pavillóns polideportivos e o mesmo prezo por 90 minutos das pistas de pádel.

O alcalde explicou que a tarifa dos pavillóns non se actualizaba desde o ano 1998 e a das pistas de pádel, desde a súa apertura en 2012. Os grupos do BNG e do PSOE votaron en contra. O texto estará 30 días en exposición pública antes de proceder á súa aprobación definitiva e entrar en vigor.

O outro asunto tratado no Pleno foi a participación do Concello na primeira fase do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS+) Adicional 4/2025 da Deputación da Coruña. Neste caso acordouse por unanimidade destinar a achega provincial asignada, de 61.495,91 euros, á redución da débeda do Concello coa propia Deputación derivada da participación no Plan de Aforro e Investimentos (PAI) do ano 2015.