Comezo das obras do proxecto de mellora viaria do parque empresarial da Laracha

As obras do proxecto de mellora viaria do parque empresarial da Laracha comezarán a executarse nos próximos días.
Reunión previa ao comezo das obras de mellora viaria do parque empresarial.
Reunión previa ao comezo das obras de mellora viaria do parque empresarial.

Este proxecto ten por obxectivo facilitar os accesos principais na zona sur pola estrada AC-552 e a autoestrada AG-55.

As obras contempladas no proxecto de mellora das infraestruturas viarias do parque empresarial da Laracha comezarán a executarse nos próximos días despois da reunión previa ás actuacións que mantiveron o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Obras Públicas, Pablo Cambón, co representante da empresa adxudicataria, Excavaciones y Obras Candal S.L., nun dos tramos da estrada que será obxecto dos traballos. 

Este proxecto ten por obxectivo facilitar os accesos principais na zona sur pola estrada AC-552 e a autoestrada AG-55, ambas directamente conectadas co ámbito industrial. Inclúe catro puntos de intervencións diferenciados. Tres afectan a tramos de calzada, situándose un entre as glorietas da AC-552 e a do acceso principal ao parque empresarial; outro no sector que discorre fronte ao viveiro de empresas; e os dous últimos son a propia rotonda que está a continuación e o seguinte tramo de vía en dirección Lendo e por diante da siderurxia.

800 metros lineais de estrada afectados

En total son preto de 800 metros lineais de estrada os afectados, nos que se vai renovar a superficie de rodadura co fresado do firme e a extensión dunha capa de aglomerado asfáltico en quente. Tamén será mellorada a rede de recollida de pluviais para evitar riscos de que a auga de choiva invada a plataforma da calzada. Por último, inclúese a sinalización horizontal e vertical nos tramos afectados.

O Concello considera estas actuacións necesarias ante as deterioracións causadas na superficie de rodadura polo paso continuo de vehículos de alta tonelaxe e maquinaria pesada cara a zona empresarial. A renovación do firme pretende aumentar o confort do tráfico rodado e aumentar a seguridade viaria.

O proxecto está valorado en máis de 145.000 euros e será cofinanciado entre o Concello e a Consellería de Economía e Industria ao abeiro da convocatoria de axudas encamiñadas á rehabilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais.