Convenio para axudas ao sector hosteleiro
Destinaranse 61.000 euros de fondos municipais para complementar as subvencións do sector hosteleiro convocadas pola administración autonómica
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local acordouse a adhesión do Concello da Laracha ao convenio de colaboración para o sector hosteleiro. Dito convenio é coa Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo. Tamén coa Consellería de Emprego e Igualdade. Os negocios da laracha quedaron afectados polos peches regulados na normativa ditada polas autoridades sanitarias por causa da covid-19.
O Concello da Laracha comprométese a complementar as subvencións do programa de apoio ao sector (orde do 22 de febreiro de 2021, publicada no DOG número 36). Foran convocadas no seu momento pola Xunta de Galicia e tiveran un orzamento de doce millóns de euros. Así, o Concello achegará un total de 61.000 euros para suplementar ditas axudas a todos os establecementos hostaleiros do termo municipal que as solicitaran e que cumpren cos requisitos estipulados nas bases.
Esta liña de subvencións da Xunta de Galicia é compatible coas outras dúas convocatorias de axudas dirixidas ao fomento do emprego mediante o impulso da actividade económica. Unha delas foi promovida e financiada integramente polo Concello con fondos propios, destinándose unha partida orzamentaria de máis de 220.000 euros. A outra foi o PEL-Reactiva, o fondo de financiamento impulsado pola Deputación da Coruña. Tamén contou cunha achega municipal para sumar un total de máis de 185.000 euros.