Ata o 31 de agosto aberto o prazo para beneficiarse do programa de conciliación Harmoniza 2022-2023

Participantes do programa Harmoniza en Gabenlle, concello da Laracha

O programa de conciliación conta no verán con 132 usuarios

O programa municipal de axuda á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que ofrece o Concello da Laracha durante o verán está a ser un rotundo éxito de participación. Conta con 132 usuarios inscritos e unha media diaria de aproximadamente un centenar de asistentes.

O Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha vai dirixido a nenos de entre 3 a 12 anos de idade e está en funcionamento de luns a venres en horario de 8:00 a 14:00 horas nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo.

Neste verán o Concello asume integramente os custes do servizo, polo que todos os usuarios desfrutan do programa de xeito gratuíto. Ademáis vai incluíndo o almorzo que se sirve entre as 8:00 e as 9:00 horas para aqueles beneficiarios que o solicitaran no momento no que formalizaron a inscrición.

Sempre co acompañamento de monitores especializados, cada día os asistentes realizan xogos e actividades lúdicas, educativas e recreativas. Xa puideron desfrutar dunha xornada diferente desprazándose a pé desde as instalacións do colexio da Laracha ata a área recreativa de Gabenlle. Alí pasaron esa xornada e recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de Servizos Sociais, Rocío López.

Harmoniza durante o curso escolar 2022-2023

Cabe lembrar que ata o 31 de agosto permanecerá aberto o prazo para solicitar ser beneficiario do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha durante o curso escolar 2022-2023. Ofértase ao alumnado matriculado nos tres colexios do termo municipal (CEIP Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión). É para todos os días lectivos a partir das 7:00 horas e ata o inicio da actividade no centro de ensino correspondente.

Segundo as necesidades de conciliación de cada usuario, ofrécense dúas modalidades no servizo:

  • todo o curso escolar (coa posibilidade de escoller mes completo ou días soltos)
  • utilización do servizo ocasionalmente
  • en todos os casos existen as opcións con e sen almorzo

Os servizos básicos son os de acollida, coidado, vixilancia e realización de actividades educativas e lúdicas a cargo de profesionais especializados. As prazas son limitadas e terán prioridade as persoas que xustifiquen a necesidade da conciliación atendendo a circunstancias laborais e sociofamiliares, de acordo ás que tamén poderán beneficiarse de bonificacións no prezo xeral do servizo. A normativa e o modelo de inscrición en están dispoñibles na web municipal.