O concurso de fotografía "A Laracha no obxectivo" xa ten gañadores

Primeiro premio: Caión en luz

Ata o 11 de decembro permanece aberto o prazo para votar as fotografías na modalidade "redes sociais" a través da páxina de Facebook Turismo da Laracha.

Xa hai gañadores da modalidade “Xeral” da segunda edición do concurso de fotografía "A Laracha no obxectivo". O xurado valorou todas as imaxes presentadas atendendo a tres criterios:

  • impacto visual
  • calidade técnico-artística
  • creatividade

Así o o xurado acordou outorgar o primeiro premio (dotado con 600 euros) á foto titulada Caión é luz, de Samuel López, unha imaxe aérea da península que conforma Caión tomada co obxectivo dun dron que sobrevoou a vila ao atardecer, xusto coincidindo co acendido das luces da iluminación pública.

Ademais o segundo premio (400 euros) foi para Reflexos, de Antonio Martínez, pola foto da praia de Caión na que se reflexa no mar a igrexa parroquial de Santa María do Socorro.

Segundo premio: Reflexos

Para rematar, o terceiro premio (250 euros) concédese a Outono en Laracha, instantánea tomada por María Eugenia Pereira no paseo fluvial do río Anllóns na que destacan as cores do outono, a pasarela de madeira e, ao fondo, o muíño.

Terceiro premio: Outono en Laracha

Aínda aberta a votación na modalidade “redes sociais”

Ata o domingo 11 de decembro calquera internauta pode votar polas súas imaxes favoritas accedendo á páxina de facebook Turismo da Laracha. Aquela fotografía entre as 22 presentadas que obteña máis “gústames” será a gañadora e o seu autor recibirá 250 euros.

O acto de entrega dos premios de ambas modalidades celebrarase o día 12 de decembro.

O xurado estivo formado por:

  • Raúl Lorenzo, profesional do sector audiovisual
  • Guillermo Iglesias, tesoureiro da Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte APTCM