Formalizados os contratos de nove traballadores no Concello da Laracha

Firma dos contratos cos traballadores da Laracha
Firma dos contratos cos traballadores da Laracha

Os traballadores son cinco peóns, dous capataces e dúas persoas para servizos xerais

Os nove traballadores municipais que o Concello incorpora por un período de seis meses no marco do Plan de Emprego Local (PEL) 2022 impulsado pola Deputación da Coruña formalizaron onte os seus contratos. O acto realizouse no centro municipal de emerxencias situado no parque empresarial, coa presenza do alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito.

En concreto son cinco peóns de obras e servizos, dous capataces e dúas traballadoras como persoal de servizos xerais os que se contraron para desenvolver traballos e intervencións de interese municipal. O proceso selectivo realizárase polo sistema de concurso-oposición, valorándose a experiencia profesional e a formación de cada candidato, ademais da realización dunha proba práctica.

Os capataces e peóns formarán cuadrillas de obras e servizos. Encargaranse de actuacións de moi diversas características, como o mantemento de infraestruturas públicas, colocación de sinalización, reparación de beirarrúas e sumidoiros, acondicionamento do terreo para a ubicación de colectores, conservación medioambiental, limpeza viaria e apoio loxístico aos servizos municipais, entre outras. O persoal de servizos xerais desenvolverá, principalmente, traballos de índole administrativa.