"Chola, a it girl" abre este venres a Primavera Teatral de Paiosaco

Primeira obra do programa Primavera Teatral o venres 9 de abril en Paiosaco
Primeira obra do programa Primavera Teatral o venres 9 de abril en Paiosaco

O acceso a obra do venres é gratuíto por orde de chegada ata completar a capacidade máxima da sala

A Primavera Teatral regresa a Paiosaco este venres baixo a organización do Concello da Laracha e alcanzando a súa décima edición. Nas tres próximas semanas o auditorio do centro sociocultural acollerá outras tantas funcións. Ten como obxectivo ofrecer á cidadanía achegarse ás artes escénicas e apoiar ao sector cultural, especialmente afectado pola crise do coronavirus.

O primeiro espectáculo terá lugar o día 9 de abril a partir das 20:00 horas. Será Chola, a IT Girl, na que a actriz Laura Villaverde dá vida á protagonista. Unha mecánica de coches, blogueira e youtuber galega que é contratada por un teatro para presentar o seu monólogo..

En cumprimento das medidas de prevención de contaxios de coronavirus que estarán o venres vixentes no Concello da Laracha, o aforo será limitado. Ademáis, o público asistente terá unha separación de metro e medio durante a obra. Será obrigatorio o uso da máscara facial durante toda a función. A entrada é gratuíta e por orde de chegada ata completar a capacidade máxima da sala.

Máis obras os días 16 e 23

A próxima semana, o venres 16, a compañía Malasombra Produccións chegará con Go On!. Unha comedia protagonizada por Xoque Carbajal e Jouse García e dirixida por Marcos Orsi. A peza percorre e parodia os costumes, refráns, cancións e a cultura galega. Trátase de dous intrépidos exploradores que tiveron o valor de introducirse nas descoñecidas terras galaicas a través do Camiño de Santiago. O ciclo pecharase o venres 23 cunha versión de Mostellaria, a comedia clásica de Plauto, adaptada pola compañía teatral Corzo Producciones. Colabora co Concello na organización da Primavera Teatral de Paiosaco a Deputación da Coruña.

Primavera Teatral o venres 9 de abril en Paiosaco
Cartel completo de Primavera Teatral dos venres de abril en Paiosaco