Remusealización do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar

Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar.

Investiranse máis de 48.000 euros na renovación dos contidos para ofrecer unha experiencia máis completa e enriquecedora aos visitantes.

A antiga casa reitoral de Golmar alberga desde decembro de 2009 o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar. Aquela iniciativa permitira recuperar unha edificación do século XIX de alta importancia histórica e poñer a parroquia no mapa cultural e turístico galego por contar cun museo centrado na posta en valor dos muíños de auga destacando a súa riqueza etnográfica e patrimonial.

Agora o goberno municipal pretende darlle un novo impulso á instalación e modernizala por medio dun proxecto de remusealización, valorado en máis de 48.000 euros euros, co que se renovarán os seus contidos desde unha tripla perspectiva conceptual, formal e funcional para ofrecer unha experiencia máis completa e enriquecedora aos visitantes.

Con esta finalidade, o grupo de goberno local elevará ao Pleno do xoves (28 de setembro) unha iniciativa dirixida a solicitar á Deputación Provincial da Coruña unha subvención nomativa para o financiamento desta ampla e ambiciosa intervención.

Potenciar o atractivo turístico dos contidos do museo, ademais de poñer valor o patrimonio etnográfico vinculado aos muíños e, por tanto, ás concas fluviais e á actividade agrícola, tamén suporá un impulso para reactivar a económica dunha parroquia rural como é Golmar e o seu entorno.

Durante os últimos anos o museo recibiu centos de visitantes e tamén albergou diversidade de iniciativas culturais e educativas tanto para o público infantil como para o xuvenil e adulto centradas no coidado do medio ambiente e na recuperación da memoria rural do municipio, tan relacionada co campo, a agricultura e, por tanto, cos muíños de auga. Esta actividade levou ao Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar a obter cada ano desde 2018 o recoñecemento como Centro Azul de Educación Ambiental que outorga a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC).