Reabertas á circulación as vías forestais de Montemaior que foran danadas pola realización de talas

Pista forestal de Montemaior reaberta tralos danos realizados polas talas..
Pista forestal de Montemaior reaberta tralos danos realizados polas talas..

O Concello informa da reapertura das pistas forestais da parroquia de Montemaior.

O Concello informa da reapertura das pistas forestais da parroquia de Montemaior (próximas aos núcleos de A Fieira, A Casanova, Balvís, O Penedo e As Nocellas) que quedaran intransitables a principios de abril tralos danos provocados pola empresa madeirista que realizou talas nesa zona.

Tralo requirimento do Concello para proceder a reparar os danos ocasionados, coa correspondente incautación do aval e a apertura do expediente sancionador á empresa responsable dos feitos, nas últimas semanas realizáronse os traballos oportunos nunha distancia lineal duns 3.000 metros. 

A Policía Local emitiu un informe no que se determina o estado actual das pistas forestais afectadas, explicando que presentan un firme compactado e as cunetas limpas, polo que permiten a circulación de vehículos en condicións de seguridade.

O Concello está a levar a cabo medidas similares por danos causados na rede viaria noutras parroquias do municipio, aínda que neses casos o deterioro fora de menor entidade e sen necesidade de prohibir o tránsito.

Co propósito de minimizar os danos que no futuro poidan ocasionar na rede viaria as empresas dedicadas á xestión forestal, o goberno local xa iniciou os trámites para modificar a ordenanza reguladora da actividade de corta, depósito, carga e transporte da madeira de tala.