Ofertas para catro proxectos de mellora da rede viaria

(Imaxe de arquivo) Proxectos na rede viaria da Laracha
(Imaxe de arquivo) Proxectos na rede viaria da Laracha

Investiranse 461.000 euros nos proxectos e actuarase en estradas de vinte e cinco núcleos de poboación de nove parroquias da Laracha

O Concello da Laracha adxudicará os contratos de execución de tres proxectos de mellora da rede viaria municipal. Faio despois de que a Mesa de Contratación clasificase as ofertas das empresas que concorreron ás licitacións.

O proxecto de maior orzamento (170.000 euros) afecta á parroquia de Soandres. Inclúe a mellora da capa de rodadura en estradas dos núcleos de O Priorato, A Abeleira, Boimir, A Insuaboa, Currelos de Abaixo, Condesuso, Condes, As Táboas e A Ponte da Veiga. Son doce as ofertas presentadas.

Outro proxecto localízase integramente na parroquia de Montemaior. Contempla intervencións de mellora do pavimento e da rede de recollida de augas pluviais nos puntos nos que así é necesario dos núcleos de O Batalo, Bardenlos, A Ferreira, Casas Longas, O Lorteiro e Pazos. Neste caso son once as empresas que optan á adxudicación e o presupostos ascende a 95.000 euros.

Presentáronse nove ofertas ao proxecto de mellora da rede viaria nas parroquias de Cabovilaño, Caión, Coiro, Lendo e Vilaño, que presenta un orzamento de 72.000 euros. Inclúe actuacións de renovación da superficie de rodadura e reforzamento da seguridade viaria en Cardois (Cabovilaño), Goxán (Caión), A Painceira (Coiro), O Campo da Porta (Lendo) e Vilanova (Vilaño).

Máis actuacións

Por último, o proxecto que afecta ás parroquias de Lemaio e Torás alcanza os 124.000 euros de presuposto e concorreron á licitación doce empresas. En Lemaio levarase a cabo unha ampla intervención que contempla a mellora da capa de rodadura de dúas vías que comunican e discorren polos núcleos de A Estrada, Tuixe de Arriba, Tuixe de Abaixo e A Barreira. Presentan unha lonxitude total duns 5.000 metros lineais. Tamén se contempla a mellora e ampliación da rede de abastecemento de auga.

En Torás a intervención prevista corresponde á estrada no núcleo de O Campo e consiste no acondicionamento dos sobreanchos resultantes da construción de novos peches de parcelas particulares para o seu aproveitamento como espazos de aparcamento. Tamén será ampliada e mellorada a rede de recollida de augas pluviais.

Entre os catro proxectos investiranse preto de 461.000 euros na mellora da rede viaria, sinalización e recollida de pluviais en estradas localizadas en vinte e cinco núcleos de poboación de nove parroquias.