Unión Deportiva Paiosaco conta co novo local

Acto de entrega da chave no novo local do campo de fútbol en Paiosaco
Acto de entrega da chave no novo local do campo de fútbol en Paiosaco

O Concello da Laracha finaliza o local no campo de fútbol municipal A Porta Santa de Paiosaco

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, entregou ao presidente da Unión Deportiva Paiosaco, Carlos García, as chaves do novo local no campo de fútbol municipal A Porta Santa. No acto tamén participaron o concelleiro Ramiro Bello, a secretaria do club Susana Regueira e o responsable da empresa que executou o proxecto. O investimento superou os 17.000 euros financiados integramente con fondos propios municipais.

A actuación desenvolveuse dando continuidade ao edificio de vestiarios xa existente. Trátase dun novo local cuberto dunha superficie útil aproximada de 30 metros cadrados. Será empregado como sala de masaxes e fisioterapia. Deste xeito auméntase a cobertura en equipamentos do campo de fútbol. Tamén conta cun local social, sala de reunións, catro vestiarios para equipos e dous para árbitros, zona de lavandería e almacén. Ademais ten bancadas que na súa parte baixa albergan outro amplo espazo de almacenamento de material.

Este proxecto levouse a cabo polo Concello de acordo ás necesidades que presenta a U.D. Paiosaco. O club é o principal usuario das instalacións. Alí desenvolven os adestramentos e os partidos como local os equipos (once na temporada actual) cos que conta a entidade en todas súas categorías.