Mes do libro: propostas culturais para o público infantil

A Laracha súmase a celebración do Día Internacional do Libro

Do mércores 20 ao sábado 23, Día do Libro, na Laracha, Paiosaco e Caión

O 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro co obxectivo de fomentar a lectura especialmente entre os nenos. É tamén por ese motivo que abril é considerado como o Mes do Libro.

Cada ano o Concello da Laracha organiza nestas datas unha programación municipal dirixida ao público infantil que constará de catro propostas. En todos os casos comezarán ás 18:00 horas, con entrada gratuíta para o público que desexe asistir.

  • Mércores día 20: O Mago Teto chegará co seu espectáculo 4500 anos da incrible historia da maxia. Biblioteca da Laracha
  • Xoves 21: A alquimista (a ciencia dos libros), a cargo de Cristina Collazo. Biblioteca de Paiosaco
  • Venres 22: Teatro Gazafelhos porá en escena A máquina do tempo, unha peza de teatro dirixida a nenos a partir de cinco anos de idade na que se ilustra, dun xeito ameno e pedagóxico, a historia das civilizacións nunha aventura educativa creada a partir do humor. Centro sociocomunitario de Caión
  • Sábado 23: Contacontos para bebés (nenos de 0 a 3 anos de idade) Corochas a cargo de Xarope Tulú. O espectáculo combina a narración oral, a manipulación de obxectos e a música. Biblioteca da Laracha

O programa do Mes do Libro é organizado polo Concello da Laracha coa colaboración da Xunta de Galicia, dentro da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e a través do programa Ler conta moito.