Paralización de obras de mellora no Concello de Laracha

O Concello da Laracha anuncia a paralización de obras, actuacións e servicios que se estaban a desenvolver no termo municipal. Isto é trala publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) a pasada noite, do Real Decreto Lei que suspende servizos non esenciais.

Así, aprázase o desenvolvemento dos proxectos de mellora da eficiencia enerxética consistentes na substitución das lámpadas do alumeado público e da iluminación en infraestruturas e edificios municipais. Non obstante, continuarase a realizar os labores de mantemento neste servizo, polo que se algún veciño detecta unha avaría ou foco fundido, pode poñerse en contacto co Concello para que se proceda á súa reparación.

Tamén, deixan de realizarse desde hoxe os traballos de xardinería, conservación e mantemento de zonas verdes públicas.

Outras actuacións paralizadas

Ademáis, entre a paralización de obras de infraestruturas municipais, se inclúe a construción do centro comunitario de Caión, o proxecto de mellora da zona de produtos do campo do recinto feiral de Paiosaco e as seguintes actuacións na rede viaria municipal:

  • - Vilaño: núcleo de Marfulo e estradas A Areosa-As Cruces, Amboade-Vista Alegre e Amboade-A Ribela.
  • - Lestón: estrada A Rabadeira-Lestón.
  • - Torás: rúas Gándara, María Mariño e Urbano Lugrís do núcleo urbano da Laracha, estrada Cillobre-Gabenlle pola zona dos Castros e vías Riotorto-A Barreira e Mirón-A Cachada.
  • - Caión: núcleo de A Pedreira e estrada de acceso á praia.
  • - Soandres: núcleo de Santa Baia e estrada O Priorato-A Brea.
  • - Coiro: estrada Coirón-Maseo.
  • - Lemaio: estrada O Igrexario-O Cruceiro.