As cerdeiras xa embelecen o campo da feira de Paiosaco

Cerdeiras en flor no Concello da Laracha

Os exemplares de cerdeiras están situados desde 2017 entre a Avenida Bergantiños e a rúa Eduardo Pondal

Nos primeiros días da primavera a floración das cerdeiras situadas no campo da feira de Paiosaco, no tramo entre a Avenida Bergantiños e a rúa Eduardo Pondal, embelece tanto o recinto feiral como o seu entorno.

Así sucede cada ano desde que en 2017 o Concello plantase nese lugar exemplares destas árbores. Foron escollidas tanto pola súa riqueza ornamental como para aportar valor á Feira das Cereixas de Paiosaco, a celebración gastronómica máis importante do termo municipal. A festa ten lugar no primeiro domingo do verán (neste ano, o 3 de xullo) e conta coa distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia.

Precisamente moi preto do campo da feira e do lugar no que se sitúan estas árbores, atópase a Rúa das Cereixas. Trátase dun nome cargado de simboloxía que fai alusión á importancia histórica que ese froito sempre tivo para a vila de Paiosaco en particular e o Concello da Laracha en xeral.