Extinguen un incendio forestal en Erboedo

Un dos focos do incendio forestal en Erboedo, A Laracha
Un dos focos do incendio forestal en Erboedo, A Laracha

Localizado no lugar da Fontenla de Erboedo, presentaba dous focos diferentes a unha distancia duns 500 metros

Ás 8:30 horas de onte recibiuse o aviso dun incendio forestal detectado na parroquia de Erboedo, á altura do lugar da Fontenla. Ata o lugar desprazáronse unha patrulla da Policía Local e dous voluntarios de Protección Civil da Laracha cun vehículo motobomba que está a disposición dos servizos municipais de emerxencias. A continuación tamén acudiron unha brigada do Distrito Forestal II de Bergantiños e As Mariñas Coruñesas con outro vehículo motobomba e o Axente forestal.

O incendio quedou extinguido por completo en torno ás 10:00 horas. A rápida intervención dos efectivos municipais evitou a propagación a unha maior superficie de terreo nunha xornada na que o vento que se estaba a rexistrar podería ter agravada a situación. Presentaba dous focos a unha distancia de aproximadamente cincocentos metros, un deles con tres puntos de inicio e o outro, con dous. Por iso, as investigacións apuntan a que foi provocado.

O Concello da Laracha solicita a colaboración cidadá para tratar de esclarecer os feitos. Calquera persoa que poida achegar información ao respecto, pode facelo dirixíndose ao propio Concello ou á Policía Local.

Intervención en incendio forestal de Erboedo, A Laracha