Don Manuel, un soplo de aire fresco para os nenos de Soandres

Parroquia de Soandres.

Homenaxe a Don Manuel, un soplo de aire fresco para os nenos de Soandres.

Corría o ano 1979 cando un novo párroco chegou á nosa parroquia para quedarse definitivamente.  

Ese sacerdote era Don Manuel Mallo Mallo, que se mudaba coa súa familia a vivir a Soandres; aínda que parte dos feligreses xa o coñecían, por ser veciño da parroquia lindante de Erboedo. 

Para os nenos daquela época, a chegada de Don Manuel supuxo máis que a chegada dun novo párroco.  

Por aquel entón nós eramos nenos do rural; que non tiñamos, á nosa disposición, medios e servizos como teñen os nenos de hoxe en día. 

Saiamos pouco da aldea e ir á igrexa era unha das diversións da fin de semana, na que nos  xuntabamos os amigos e iamos camiñando xuntos á misa. Estamos falando de fai corenta anos, polo que a chegada de Don Manuel supuxo un soplo de aire fresco nas nosas vidas. 

Coa súa chegada os nenos fomos partícipes na elaboración do Nacemento de Nadal, representacións en vivo do nacemento de Xesús, concursos de panxoliñas e de debuxo, con  premio incluído para motivar a nosa participación. 

A parte diso, en Nadal todos recibiamos algún tipo de agasallo, como paquetiños de caramelos, chocolatinas, etc.., coas que saiamos moi contentos da igrexa. Na Pascua recibiamos o bolo con chocolate como premio á nosa asistencia á catequésis. 

Tampouco podemos esquecer que fomos a primeira parroquia, da contorna, en contar cun  boletín trimestral chamado “mensaje”, elaborado por Don Manuel para informar a todos os  veciños das misas diarias, das cuestións que afectaban á parroquia e tamén un lugar onde  escritores como Gumersindo García escribían textos sobre a historia do noso Monasterio, de  personaxes ilustres de Soandres,... que, sobre todo as novas xeracións non coñeciamos. 

Naqueles tempos tamén organizou para os máis cativos, que non tiñamos idade escolar, o famoso “preescolar na casa”; ó que acudiamos uns días á semana, os máis pequenos da aldea, para familiarizarnos coa actividade escolar.  

Pero a actividade que máis nos gustaba de todas, eran as excursións de verán, para celebrar a chegada das vacacións do catecismo.  

Naquelas viaxes iamos todos os veciños, coas nosas familias, a pasar un día a lugares que por aquela época considerabamos afastados, porque non acostumabamos a viaxar coma hoxe en día.  

Polo que ir a Santa Tegra, ás Rías Baixas ou a Ourense era, para nós, todo un acontecemento que creo, non esquecemos os nenos do catecismo dos anos oitenta. 

Hoxe aqueles nenos somos adultos, pero nos nosos recordos sempre estará Don Manuel, que coas súas iniciativas axudou a que moitos nenos do rural puideramos desfrutar de actividades e de lugares, que de non ser por el, tardaríamos en coñecer. 

Por iso, creo que podo afirmar que Don Manuel foi un soplo de aire fresco, que chegou ás nosas vidas para enriquecer a nosa infancia, o cal lle agradecemos xuntándonos nesta homenaxe. 

PENSAMENTO DOS CATIVOS DOS ANOS OITENTA.