Campaña de desbroce nas catro parroquias máis poboadas da Laracha

Traballo de desbroce na zona de Torás (imaxe de arquivo)
Traballo de desbroce na zona de Torás (imaxe de arquivo)

As actuacións de desbroce adiantáronse con respecto a anos precedentes como medida de seguridade ante a situación provocada pola Covid-19

O Concello da Laracha iniciou a campaña de desbroce das cunetas das vías públicas de titularidade municipal. Estes traballos lévanse a cabo no final da primavera, durante o verán e ata o inicio do outono. O obxectivo é eliminar a vexetación herbácea nas marxes das estradas para mellorar a visibilidade, manter o ornato público e previr riscos de incendio.

Así, as primeiras parroquias nas que se están a acometer os traballos son as catro máis poboadas do municipio. Así Torás, incluíndo o núcleo urbano da Laracha, é a parroquia obxecto da primeira intervención. As seguintes serán Lestón (incluíndo Paiosaco), Cabovilaño e Caión. Posteriormente actuarase nas outras nove parroquias rurais.

Adianto dos traballos

Nesta ocasión, o comezo do desbroce adiantouse nuns quince días con respecto ao ano anterior. E unha medida de seguridade ante a situación actual provocada pola Covid-19. Ademais de mellorarse o tránsito dos vehículos, facilitarase que os peóns que camiñan polas vías eviten invadir a zona de circulación rodada pola presenza de vexetación nos arcéns.

Así mesmo, como anos precedentes, actuarase en todas as estradas, vías, pistas asfaltadas e camiños forestais de titularidade municipal. Isto supera os 600 quilómetros de lonxitude lineal. As mesmas labores inclúen as parcelas e terreos propiedade do Concello que non están no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes. En total, son uns 150.000 metros cadrados de superficie.

Prácticas sostibles

Tradicionalmente, á roza forestal seguíalle o procedemento de queima para a destrución dos residuos xerados. Esta constitúe unha práctica nada recomendable, debido a que presenta inconvenientes como a vertedura de CO2 á atmosfera ou o incremento do risco de incendios forestais. A práctica máis indicada na actualidade consiste en verter a materia orgánica triturada resultante de novo ao terreo. Deste xeito favorécese a achega de nutrientes ao chan, que contribúe ao crecemento do estrato arborizado.