Catro actividades no Museo de Golmar en novembro

Lugar das actividades programadas polo Concello da Laracha
Lugar das actividades programadas polo Concello da Laracha

As actividades gratuitas son tres obradoiros infantís e unha andaina para todos os públicos

O Concello continúa apostando por encher de actividades o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar. Ao longo do mes de novembro desenvolveranse catro novas propostas culturais, educativas e recreativas, todas elas con inscrición gratuíta.

As dúas primeiras serán sendos obradoiros infantís dirixidos a nenos de idades comprendidas entre os seis e os doce anos que se realizarán en horario de mañá.

  • 6 de novembro: Caderno de campo: muíños e árbores. Consistirá nunha andaina polo entorno do río Acheiro, cunha explicación dos diferentes tipos de árbores que se irán atopando polo camiño e recollendo follas para a posterior confección dun caderno de campo. Tamén se visionará material audiovisual sobre esa temática.
  • 13 de novembro: será a quenda para o obradoiro Reciclando e xogando. A través de diferentes xogos os participantes aprenderán en que colector deben introducir cada residuo e tamén aprenderán que é o punto limpo.
  • 21 de novembro: proponse unha andaina polo entorno do río Bradoso de sete quilómetros de distancia e dirixida a todos os públicos, tanto nenos como adultos. Ao longo do percorrido atoparanse os restos de dezanove muíños.
  • 27 de novembro: repetirase o obradoiro Facendo pan. Muíños e cereais que xa se fixera en setembro e quedaran rapaces nas listaxes de reserva. A xornada, dirixida a nenos de catro a oito anos, constará de dúas fases. A divulgativa consistirá nunha visita comentada polo museo para coñecer a historia, xeografía, arquitectura, tradición e economía da época de maior importancia dos muíños de auga, así como o funcionamento dos seus diferentes mecanismos, incluíndo o visionado dun vídeo explicativo. Na fase participativa cada neno amasará e preparará o seu propio pan seguindo a receita que se explicará previamente. A continuación, cocerase no forno da Panadería Antonio, situada xunto ao museo. Finalmente explicaranse as diferentes partes do pan (codia, miolo, corrosco, codela, etc.).