Unha pista polideportiva en Paiosaco e a ampliación do punto limpo

Foto arquivo: Campo da Feira en Paiosaco
Foto arquivo: Campo da Feira en Paiosaco

A pista polideportiva e a ampliación do punto limpo suman un investimento superior aos 400.000 euros.

O Concello ten previsto sacar a licitación este mes de xaneiro a construcción da pista polideportiva en Paiosaco e a ampliación do punto limpo.

Así, a finais de decembro,O Concello informou que estaba a completar os procedementos de adquisición dos terreos necesarios para executar dous proxectos de interese xeral. Por unha parte, foi escriturada a nome do Concello da Laracha a parcela de 9.000 metros cadrados de superficie situada a carón do CEIP Alfredo Brañas. Foi adquirida co obxecto de aumentar os equipamentos na vila de Paiosaco.

Deste modo, a primeira actuación será a construción dunha pista polideportiva descuberta que complementará os equipamentos existentes no entorno no que, ademais do colexio, están localizados o campo de fútbol municipal A Porta Santa e o centro sociocultural de Paiosaco.

Equipamentos

Dicir que o proxecto está valorado en 157.000 euros. A pista ocupará soamente unha parte dos terreos adquiridos, quedando espazo dispoñible para, no futuro, continuar incorporando equipamentos dotacionais á vila.

Por outro lado, procedeuse tamén ao levantamento das actas previas á ocupación dos terreos afectados polo proxecto de ampliación do punto limpo da Laracha. Trátase dunha única parcela catastral situada a carón das instalacións actuais e que suma unha superficie de 5.096 metros cadrados.

Tamén o proxecto que se executará sobre eses terreos contempla a súa urbanización para a creación dun novo espazo que complementará os servizos que se ofrecen nestes momentos: tarefas de recepción, separación, clasificación, almacenamento e control dos residuos para a súa posterior derivación ao xestor correspondente.

Mais obras

Ademais está prevista a construción de dúas marquesiñas cubertas (unha para o depósito de contedores e realización de labores de mantemento por parte do persoal das instalacións). A outra, para contedores especiais, plataformas para o incrementar a cantidade de contedores para os diferentes tipos de residuos, espazos de aparcamento de vehículos e áreas axardinadas.

Por outro lado se inclúe a sinalización vertical e horizontal das diferentes zonas interiores (manobra, aparcamento, almacenamento de residuos, etc); así como actuacións dirixidas á recollida de augas pluviais. O proxecto está valorado en 250.000 euros.

Para rematar, o Concello, unha vez que xa é titular dos terreos necesarios, ten previsto sacar a licitación durante o mes de xaneiro ambos proxectos. Entre os dous suman un importe superior aos 400.000 euros. Hai que engadir os más de 100.000 euros investidos na adquisición das parcelas.