A comedia "Arroutadas" pecha a Primavera Teatral
Mañá, venres 23 a partir das 20:00 horas no auditorio de Paiosaco, última función con unha comedia
Este venres pecharase o ciclo Primavera Teatral de Paiosaco con unha comedia. É a última función que, igual que as dúas anteriores, terá lugar no auditorio do centro sociocultural a partir das 20:00 horas.
Finalmente a peza que se porá en escena é "Arroutadas", dirixida a maiores de dezaseis anos de idade. Consiste en tres pezas humorísticas diferenciadas a cargo de Mario Rodríguez, Uxía Algarra e Lydia Prada.
A entrada é gratuíta ata completar a capacidade máxima da sala. O público asistente deberá portar a máscara facial durante toda a función. O cambio no cartel –no que inicialmente estaba programada a obra Mostellaria- está motivado pola imposibilidade de acudir dun actor principal por motivos persoais.
Mes do libro
Outro evento cultural organizado polo Concello –neste caso, coa colaboración da Deputación da Coruña- é o espectáculo infantil Ris Ras, de Baobab Teatro, incluido no programa do Mes do Libro.
A peza, dirixida a nenos de entre un e oito anos de idade, fai viaxar ao público a través da música, os xogos, os enredos e as historias tradicionais. Terá lugar o sábado a partir das 18:00 horas na Casa da Cultura da Laracha. A entrada é gratuíta e soamente se permitirá o acompañamento de adultos no caso de que non se complete cos cativos a capacidade máxima da sala. En todo caso, os nenos estarán ao cargo de persoal municipal durante o espectáculo.
