Gañadores do concurso "A Laracha no obxetivo"

Primeiro premio do concurso de fotogtafía

O xurado valorou as imaxes do concurso presentadas na modalidade Xeral

A primeira edición do concurso de fotografía "A Laracha no obxectivo" xa ten gañadores. O Concello convocou este certame co propósito de recoller imaxes do termo municipal e destacar nelas o patrimonio material e inmaterial. Tamén, as paisaxes, a etnografía rural, as aldeas e as xentes, entre outros atractivos. Animouse a participar tanto a profesionais da fotografía como a afeccionados.

Nas dúas modalidades nas que estivo dividido o concurso os premios económicos ascenden a un total de 1.150 euros. Dáse a circunstancia de que as catro fotografías galardoadas foron tomadas en Caión. Na modalidade “Xeral” foron admitidos dezanove participantes, que puideron presentar ao concurso tres imaxes cada un deles.

O Concello nomeou un xurado formado por profesionais dos sectores audiovisual e turístico, composto por Fabiola Lorenzo (fotógrafa e xerente de Foto Manolo), María Castro (propietaria da casa de turismo rural Lugar de Trasande) e Nieves Pardiñas (técnico de turismo do Concello da Laracha).

Gañadores

O acordo unánime do xurado foi outorgar o primeiro premio (dotado con 500 euros) á foto titulada Lúa chea polo santuario dos Milagres, de Antonio Fernández. Nela pode verse o satélite sobre o campanario da capela. O segundo premio (300 euros) foi para Estrelas de Caión, unha panorámica da vila feita por Iván Gómez Costa. O terceiro premio (150 euros) outorgouse a Agarimos á nosa costa, instantánea de Samuel López centrada na praia do Caracoleiro.

Na modalidade “Redes Sociais” participaron quince instantáneas. O prazo de votación para os internautas estivo aberto desde o 1 e ata o 9 de decembro. En total rexistráronse máis de 3.200  gústames, sendo a imaxe máis votada Excepción, de Laura Liset Valdés González. Trátase dnha posta de sol sobre o mar da praia de Caión que obtivo 597 valoracións positivas e recibirá un premio económico de 200 euros.

Imaxe premiada nas redes sociais