Reunión do comité municipal de seguimento do coronavirus

As escolas de Laracha foi un dos temas do comité de hoxe
As escolas de Laracha foi un dos temas do comité de hoxe

Na sesión, o comité faló do regreso as aulas, a Festa dos Milagres e a feira de Paiosaco

Hoxe celebrouse unha nova reunión do comité municipal de seguimento ante a Covid-19. Na sesión deuse conta do inicio do curso escolar sen incidentes na escola infantil A Galiña Azul nin nos CEIPs Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e Caión. Alí, o Concello reforzou a frecuencia das limpezas e desinfeccións durante o horario lectivo en cumprimento do protocolo establecido pola Xunta de Galicia.

Coincidindo co inicio do curso tamén se retomou o programa Madrugadores. O servizo de aula lúdica recuperou o seu horario de tarde nas instalacións do edificio de servizos múltiples. No verán se prestase o mesme servizo pola mañá no colexio da Laracha.

O comezo das clases tamén supón o regreso do programa Educa en positivo impulsado polo Concello e a Consellería de Política Social. Así, pretendese responder dun xeito integral ás necesidades educativas daquelas familias con menores e que se atopan en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social.

En relación á programación cultural e deportiva de inverno, informouse que o Concello non porá en marcha polo momento ningún curso ou actividade. O que si se desenvolverá será un programa infantil dirixido ao fomento da lectura cuxos contidos se anunciarán nos próximos días.

Milagres de Caión e feira de Paiosaco

Sobre as Festas dos Milagres de Caión púxose de manifesto o estrito cumprimento das medidas de prevención na igrexa onde se desenvolveron os actos relixiosos. A Policía Local e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil cooperaron no control de accesospara evitar aglomeracións de persoas. Aínda que a afluencia de xente durante toda a semana foi moi importante, non se produciu ningún incidente.

Tamén na feira de Paiosaco puido realizarse a actividade sen incidencias. Na última, celebrada o 6 de setembro, so se permitiu a instalación de postos de produtos do campo e de alimentación. Mentres as autoridades sanitarias manteñan as medidas de prevención específicas no Concello da Laracha, a feira de Paiosaco continuarase desenvolvendo con esas mesmas restricións.

Na reunión participaron o alcalde, José Manuel López Varela, os catro concelleiros con áreas de goberno delegadas, o xefe da Policía Local e o secretario do Concello.