14ª edición do Campus de Baloncesto

Os participantes recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de Deportes, Patricia Bello

A 14ª edición do Campus conta con medio centenar de participantes.

Nesta semana estase a levar a cabo no pavillón Municipal da Laracha a 14ª edición do campus de baloncesto que organiza o Concello dentro da programación cultural e deportiva de verán.

A actividade realízase en cinco xornadas, desde onte luns e ata o venres, en horario de 10:30 a 13:30 horas. Participan preto de medio centenar de rapaces de idades comprendidas entre os seis e os quince anos.

O obxectivo deste campus é fomentar a práctica do baloncesto e tamén iniciar nesta modalidade deportiva aos mozos que non tiveron contacto con ela, xa que non foi necesario ter coñecementos previos para poder inscribirse.