19 enmendas para impulsar a actividade do viveiro de empresas na Laracha

Espazo destinado ao viveiro de empresas na Laracha
Espazo destinado ao viveiro de empresas na Laracha

Palomi Rodríguez, portavoz do Psoe local, entende que o viveiro pode ser “unha ferramenta útil” pero cre que "é preciso facilitar o acceso das empresas"

A corporación municipal da Laracha debaterá no próximo pleno a Ordenanza reguladora do funcionamento do viveiro industrial de empresas do Concello. A infraestrutura está concibida para favorecer a innovación, impulsar o emprendemento e dinamizar o tecido económico local. Pero o Psoe local cre que é preciso introducir algúns cambios no seu funcionamento para facilitar o acceso das empresas ás instalacións e os distintos servizos dispoñibles. Por iso, o grupo socialista presentou 19 emendas. Tal como defende a concelleira Palomi Rodríguez, están encaminadas a “consolidar o viveiro como aquilo que debe ser, unha ferramenta útil para a creación de emprego e riqueza na Laracha”.

Algunhas das propostas incluídas nas emendas son de carácter formal. Pero a maior parte responden directamente ás demandas e necesidades das persoas emprendedoras. Solicítase, por exemplo, unha ampliación do horario previsto para garantir a dispoñibilidade dos servizos polas tardes, así como os sábados pola mañá. Do mesmo modo, se propón a extensión do prazo máximo da cesión do espazo a dous anos, prorrogables a tres se hai vacantes. Trátase de unha medida que “sería moi ben recibida polos pequenos negocios que están iniciando a súa actividade”, segundo a portavoz socialista.

Incentivar as solicitudes

Outra das propostas do Psoe para mellorar o texto é a revisión das sancións previstas ante posibles infraccións cometidas polas empresas beneficiarias da cesión. Rodríguez considera que as cantidades establecidas, que poden chegar ata os 2.000 euros, “son excesivas e poden desanimar”. Lembramos que o Concello da Laracha ofrece no viveiro, dúas naves diáfanas e un espazo tipo coworking con oito postos independentes. Tamén mobiliario de oficina, servizo de internet, servizo de recepción e sala de reunións. "Unhas instalacións que corren o risco de quedar infrautilizadas en caso de non lle ofrecer unha proposta atractiva ás persoas emprendedoras", engaden.