O concello convoca a participar de "Destapa A Laracha"

Concurso de tapas "Destapa A Laracha" no mes do novembro
Concurso de tapas "Destapa A Laracha" no mes do novembro

Están convidados todos os locais de hostalería do termo municipal ao evento gastronómico "Destapa A Laracha"

O Concello organiza para novembro a primeira edición do evento gastronómico Destapa A Laracha. Están convidados a participar todos os locais de hostalería do termo municipal. Os obxectivos son dinamizar o sector da restauración, potenciar os produtos, fomentar a colaboración e as relacións comerciais entre o tecido empresarial larachés e desestacionalizar a oferta turística.

Ademais, con esta iniciativa dáse un paso máis con respecto aos certames celebrados noutros anos e que gardaban certa similitude con este. Agora a duración será de catro fins de semana e poderán formar parte do concurso establecementos das trece parroquias.

Inscrición ata o 25 de outubro

Nos próximos días as bases de Destapa A Laracha publicaranse no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Ata o 25 de outubro permanecerá aberto o prazo de inscrición para os seguintes colectivos profesionais:

  • Establecementos de hostalería que desexen participar no certame.
  • Comercios laracheses nos que se poidan empregar os vales de compra que se repartirán como agasallos aos consumidores.
  • As empresas doutros sectores que queiran colaborar co evento, poderán facelo tamén ao longo do mes de novembro.

A celebración de Destapa A Laracha será durante as catro fins de semana (de venres a domingo) do mes de novembro. Neses días e franxas horarias que o establecemento desexe (comunicándoas previamente á organización do evento) deberá ofrecer ao público ao prezo de 1,90 euros a tapa coa que se inscribiu no concurso. A elaboración é libre, podendo escoller cada local os ingredientes e modo de elaboración que estime oportunos.

Premios

Haberá dúas modalidades de premios, dotadas cada unha delas con 1.000 euros, que se outorgarán ás tapas mellora valoradas polo:

  • Xurado popular: a clientela terá a súa disposición un pasaporte impreso con espazo para que cada establecemento no que consuman unha tapa poña o seu selo e para indicar a súa valoración persoal. Para que o voto sexa válido, debe conter selos de cinco establecementos diferentes de, alo menos, tres parroquias distintas.
  • Xurado acreditado experto: configurado por tres profesionais do sector da hostalería e da cociña, que visitarán cada local de forma anónima e reuniranse posteriormente para decidir o gañador.

Aqueles consumidores que emitan o seu voto válido e que, polo tanto, formen parte do xurado popular, entrarán no sorteo de premios. Consiste en vales de compra de 30 euros para gastar no comercio local adherido á iniciativa, cofres regalo e os agasallos que cedan as empresas colaboradoras

Destapa A Laracha tamén conta coa súa propia páxina web. En www.destapaalaracha.com deben inscribirse os establecementos participantes e empresas e entidades colaboradoras. Tamén se informará puntualmente sobre todas as novidades do certame.