Novo contrato de limpeza viaria adxudicado a Aspaber

Aspaber logra contrato da limpeza viaria do Concello da Laracha
Aspaber logra contrato da limpeza viaria do Concello da Laracha

Por un período de catro anos prorrogables por outros dous, o contrato está valorado nun total de 661.000 euros

Na última sesión da Xunta de Goberno Local  acordouse adxudicar ao centro especial de emprego Aspaber S.L. o novo contrato de limpeza viaria. É por un período de catro anos prorrogables por outros dous máis. Dáse a circunstancia de que esa é a mesma entidade que viña prestando o servizo nos últimos anos.

O servizo está valorado nun total de 661.000 euros polos catro anos máis o IVE correspondente. A principal novidade é a inclusión, por primeira vez, da limpeza da praia de Caión. Ademais, como no anterior contrato, contémplase:

  • varrido manual nos núcleos urbanos (frecuencia diaria) e rurais
  • baldeo mecánico (limpeza mediante auga a presión)
  • eliminación de herbas no borde da calzada
  • mantemento de papeleiras
  • intervencións especiais (caída da folla no outono, xornadas de feira en Paiosaco, festas populares, etc)

Cabe lembrar que o procedemento de contratación fora dirixido exclusivamente a centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral de persoas con diversidade funcional.

Limpeza de edificios municipais e licencias

Na Xunta de Goberno tamén se acordou modificar o contrato en vigor referido á limpeza de edificios e instalacións municipais para incluír no mesmo o centro comunitario de Caión recentemente inaugurado. O cambio contempla o incremento no número total de horas do servizo e a correspondente compensación económica á empresa concesionaria. Ademáis, foron concedidas dúas licencias urbanísticas, das cales unha é para a construción dunha vivenda unifamiliar no lugar das Rañeiras, na parroquia de Lestón.