O Concello contratará 10 persoas para as brigadas contra incendios

A xestión de biomasa axuda a evitar lumes

Unha vez rematado o prazo son un total de 44 persoas as que solicitaron formar parte do procedemento selectivo para as brigadas

O Concello da Laracha continúa avanzando no procedemento de selección das persoas que formarán as dúas brigadas municipais de prevención, vixilancia e defensa contra incendios. Estarán operativas durante un período de tres meses coincidindo coa época estival. Cada unha das cuadrillas estará formada por un xefe de brigada, un peón-condutor e tres peóns de brigada. Así, en total o Concello contratará dez persoas para prestar este servizo.

Unha vez rematado o prazo para solicitar a participación no procedemento selectivo, son un total de corenta e catro persoas as inscritas. Nos próximos días publicaranse na web do Concello as listaxes provisionais de admitidos e excluídos. Ademais das dez persoas que serán contratadas, tamén se formará unha bolsa de reserva para cubrir posibles baixas.

Concurso oposición libre

O sistema selectivo será o concurso oposición libre, cun procedemento áxil que respectará os principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade, transparencia, obxectividade, eficacia, eficiencia e axilidade.

A fase de concurso consistirá na valoración da experiencia profesional e a formación de cada aspirante. A fase de oposición consta dun exercicio de aptitudes físicas, un exame teórico tipo test e, de ser o caso, a proba de coñecemento da lingua galega se non se acredita o seu coñecemento.