Xunta e Concello invisten na empregabilidade da veciñanza
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou o martes 10 de xuño, o concello da Laracha para coñecer os avances do programa integrado de emprego (PIE) e do obradoiro dual que se desenvolven no municipio coruñés co apoio da Xunta, cunha achega global de máis de 600.000 euros neste exercicio.
Durante a xornada —na que tamén participou o alcalde, José Manuel López—, o conselleiro achegouse ao curso de acompañamento en transporte escolar, que se celebra no marco do PIE, e posteriormente visitou en Caión as tarefas de construción en madeira dunha caseta de socorrismo que está a executar o alumnado do obradoiro dual.
Alí destacou a eficacia de ambas iniciativas para mellorar a empregabilidade das persoas participantes, conectándoas co mundo laboral e coa realidade socioeconómica e produtiva
da súa contorna.
Tamén subliñou a importancia da colaboración entre a Xunta e as entidades locais para impulsar programas como estes, que favorecen a inserción laboral, especialmente entre os colectivos prioritarios, e puxo en valor os máis de 7 millóns de euros investidos nos últimos anos polo Executivo autonómico no concello da Laracha a través destas medidas.
O quinto programa integrado de emprego
É a quinta ocasión na que A Laracha acolle un programa integrado de emprego, cun apoio acumulado por parte do Goberno galego de máis de 1,2 millóns de euros, e a décimo cuarta que desenvolve un obradoiro dual de emprego, superando neste caso os 6 millóns de euros.
O concello da Laracha é un dos 58 beneficiarios da última convocatoria dos programasintegrados de emprego, que favorecerán a inserción laboral de 5.800 persoas desempregadas en toda Galicia, cun investimento de case 12 millóns de euros. No caso do municipio coruñés, conta cun apoio da Xunta de 220.000 euros, e nel participan ata setembro 100 persoas en situación de desemprego, con especial atención aos colectivos prioritarios.
O programa combina formación transversal —centrada no reforzo de habilidades e técnicas para a busca de emprego, envío de ofertas laborais, asesoramento
sobre autoemprego ou sesións individualizadas de orientación— coa realización de formacións específicas adaptadas ás necesidades da contorna, como acompañamento no transporte escolar, xestión e control de stock en almacéns, teleasistencia, operacións con carretilla elevadora ou atención ao cliente, entre outras.
Obradoiros duais
No que respecta ao obradoiro dual, A Laracha conta cun apoio da Xunta de preto de 412.000 euros e ofrece unha oportunidade laboral e formativa a 20 persoas. Iniciado en
decembro de 2024, prolongarase ata setembro deste ano e combina a capacitación en dous ámbitos: carpintería e moble, por unha banda, e pintura industrial en construción, por
outra.
Así, o alumnado está a desenvolver diversas actuacións de interese social e utilidade pública, entre as que destacan a construción dunha caseta de socorrismo na
praia de Caión visitada hoxe, así como outras relacionadas co mantemento do paseo fluvial de Gabenlle, a fabricación de mobiliario urbano ou a pintura das instalacións
deportivas municipais.