O Alcalde recibe aos participantes no programa de intercambio entre institutos da Laracha e Les Sables D'Olonne

Recepción no Concello aos participantes do programa de intercambio de Les Sables D'Olonne.
Recepción no Concello aos participantes do programa de intercambio de Les Sables D'Olonne.

No mes de maio, do 13 ao 20, serán os rapaces laracheses o os que visitarán Les Sables d´Olonne.

O Concello da Laracha está irmandado co municipio francés de Les Sables d’Olonne nunha iniciativa que se marcou como finalidade esencial a realización de programas conxuntos relacionados coa cultura, o deporte, o turismo e o coñecemento dos idiomas que beneficiasen á poboación de ambas localidades.

Grazas ao irmandamento nos últimos anos tamén se potenciou o establecemento de contactos entre entidades, asociacións, clubs e centros de ensino da Laracha e de Les Sables d’Olonne. E froito deles, o IES Agra de Leborís e o Collège Amiral Marveilleux du Vignaux están a levar a cabo unha actividade de intercambio na que participa alumnado e profesorado de ambos centros de ensino.

O alcalde, José Manuel López Varela, e as concelleiras Patricia Bello e Rocío López, recibiron aos rapaces participantes e ao profesorado que organizan a iniciativa. Nesta ocasión son quince os estudantes franceses e dúas mestras os que están a desfrutar dunha estancia dunha semana na Laracha, que rematará o vindeiro domingo.

José Manuel López Varela mostrou a súa satisfacción polo xurdimento de iniciativas destas características xa que son “o verdadeiro espírito do irmandamento” e animoumos a todos, franceses e laracheses, a aproveitar esta oportunidade para reforzar a aprendizaxe de idiomas, coñecer outras cultural e territorios e establecer relacións de amizade entre as familias participantes.