Procedementos de contratación dos proxectos do IES Agra de Leborís
Os proxectos inclúen a prolongación da Avenida Manuel Fraga e a construción dunha pista polideportiva descuberta
O Concello da Laracha ten previsto iniciar esta semana os procedementos de contratación de dous proxectos no Plan especial de equipamentos educativos do IES Agra de Leborís. Unha vez pasado o confinamento por covid-19, empeza a ser unha realidade
Pola parte posterior deste centro de ensino xa se completara a adquisición dos terreos afectados, a explanación e mesmo a construción dunha das dúas pistas polideportivas previstas. Agora, o Concello licitará outros dous contratos que suman un investimento total de 343.000 euros.
Por unha parte está a urbanización da prolongación da Avenida Manuel Fraga ata a rúa Maruja Mallo. E dicir, a vía de recente apertura coa que o Concello está a crear unha circunvalación. Así, conectará directamente a estrada A Laracha-A Silva (DP-2404) coa estrada A Laracha-Soandres (DP-1913) pola Avenida Doutor López Astray. A actuación mellorará sensiblemente as comunicacións rodadas ao evitar que os vehículos deban acceder polo centro do casco urbano da Laracha. Tamén permitirá habilitar un novo acceso cara o instituto para os autobuses de transporte escolar.
O proxecto de urbanización desta nova vía inclúe a pavimentación da calzada, construción de beirarrúas, espazo de aparcamento e axardinamento. Tamén crearanse das redes de saneamento e abastecemento, a canalización soterrada dos servizos de rede eléctrica, telecomunicacións e iluminación pública. Además, a sinalización horizontal e vertical, estando contemplado, entre outras medidas, un paso de peóns elevado.
Pista polideportiva descuberta
Por outra banda está o proxecto de creación dunha nova pista polideportiva descuberta, que terá unhas dimensións de 42x25 metros máis dous metros de seguridade. Se marcará lonxitudinalmente unha pista de fútbol sala de medidas regulamentarias e, transversalmente, dúas pistas de baloncesto. Contará con iluminación con báculos e un valado perimetral de malla.
Xunto a esta pista que se vai crear foi construída recentemente outra pista multideportiva, xa aberta ao público. Ambos equipamentos municipais serán complementarios entre si ao presentar unhas características distintas e estar equipados para uso e grupos diferentes.