A Laracha presenta á Xunta un novo proxecto de inclusión social

Casa do Concello da Laracha

Ademais de dar continuidade ao programa "Educa en positivo", preténdese incluir no proxecto "A Laracha acolle" dirixido a inmigrantes

Na última sesión da Xunta de Goberno Local acordouse solicitar a participación na convocatoria de subvencións da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia dirixida ás corporacións para o desenvolvemento dun proxecto de inclusión social de colectivos en risco.

A través desta liña de axudas o Concello pretende financiar dous proxectos:

  • 1 - Dar continuidade ao programa "Educa en positivo", que xa se vén realizando nos últimos anos. Procura responder ás necesidades educativas daquelas familias con menores ao seu cargo e que se atopan en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social. Faise a través das accións Un paso adiante, que ofrece un reforzo educativo fóra do horario lectivo. Tamén con Aprendemos xuntos, neste caso centrada na orientación e formación ás familias con menores para o exercicio dunha parentalidade positiva.
  • 2- Outro proxecto complementario que o Concello pretende organizar por primeira vez denomínase "A Laracha acolle" e iría dirixido exclusivamente a persoas inmigrantes. Ademáis, contaría con un obradoiro de alfabetización en castelán e galego. Pero tamén co programa Exprésate, que persegue crear un espazo de socialización para que os participantes poidan coñecer os valores, funcionamento, patrimonio e cultura larachesa.