Programación municipal en torno ao 25N

Programación municipal en torno ao 25N.
Programación municipal en torno ao 25N.

Os obradoiros de educación afectivo sexual da programación municipal en torno ao 25N xa comezaron a impartirse nos centros de ensino en horario lectivo.

O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres. Como cada ano, en torno a esa data o Concello organiza unha programación municipal que complementa as iniciativas e servizos que están á disposición da cidadanía de xeito continuado co propósito de afrontar esa problemática social, apoiar ás vítimas e mostrar tolerancia cero cos maltratadores. 

Os obradoiros de educación afectivo sexual xa comezaron a impartirse nos centros de ensino en horario lectivo e continuarán ata datas antes das vacacións de Nadal, tendo un espazo moi destacado nesta programación municipal. Participa o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria dos CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión, así como o de secundaria do IES Agra de Leborís. Entre os contidos a abordar, que foron consensuados cos equipos directivos e as orientadoras dos catro centros, salientan os bos tratos, o uso responsable da internet e as redes sociais e a desmitificación da pornografía.

Obra de teatro

Como é tradición na Laracha, o programa municipal en torno ao 25N tamén inclúe unha das funcións do ciclo Venres Teatrais. Será a do día 22 de novembro. Testosterona é unha comedia na que Luis Iglesia e Camila Bossa dan vida a dous subdirectores dun importante medio de comunicación que aspiran a asumir a dirección do mesmo. A peza propón unha reflexión sobre a desigualdade laboral.

Por último, o sábado 23 de novembro terá lugar a cuarta edición da andaina A Laracha unida fronte as violencias machistas na que se convida a participar a persoas de todas as idades. Sairase da Praza do Concello ás 11:00 horas, lugar no que tamén está fixado o punto de regreso tras percorrer unha distancia de cinco quilómetros. Incluirá a lectura dunha declaración contra a violencia de xénero. 

Esta programación municipal en torno ao 25N é organizada polo Concello en colaboración co Ministerio de Igualdad a través do Pacto de Estado contra la Violencia de Xénero, a Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña.

Cartel Programa Municipal en torno ao 25N.