Programa Municipal para festexar as Letras Galegas

Letras Galegas-Diario de Laracha.
Letras Galegas-Diario de Laracha.

O Concello presenta a programación municipal para festexar as Letras Galegas.

O Concello presenta a programación municipal que se vai desenvolver en torno ao Día das Letras Galegas, neste ano dedicado á poesía popular oral, personificado nas cantareiras Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira Santos, Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda.

A primeira das citas será o sábado 10 de maio, tamén para conmemorar o Ano Castelao. Será co espectáculo teatral dirixido ao público infantil e familiar (maiores de cinco anos de idade) Castelao, un corazón á intemperie a cargo de Fantoches Baj a partir das 18:00 horas na Casa da Cultura.

Para maiores de tres anos van dirixidas as seguintes propostas da programación, todas elas ás 18:00 horas. O mércores 14 Pablísimo chegará ao Centro Sociocomunitario de Caión con Mans, un show que mestura os monicreques e as sombras chinesas.

O xoves 15 na Casa da Cultura teremos Os contos do gato, contacontos coa compañía Bandullo azul.

E o venres 16 na biblioteca de Paiosaco ofrecerase o espectáculo de narración oral e obradoiro Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas de Polo correo do vento.

Nesa mesma data, o venres 16 pero a partir das 22:00 horas e na Praza Les Sables d’Olonne, desfrutaremos do concerto de Ailá & Cantigas e Agarimos, que deleitarán ao público cunha reinterpretación da música tradicional de baile arraigada no folclore galego.

O propio sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, celebrarase no pavillón polideportivo do IES Agra de Leborís a Festa Homenaxe aos nosos maiores, dirixida a persoas empadroadas no termo municipal da Laracha maiores de 55 anos, xubiladas ou pensionistas. Ata o 13 de maio permanecerá aberto o prazo de inscrición, que debe formalizarse no Edificio Administrativo da Laracha e ten un prezo de 15 euros.O día seguinte, o domingo 18 desde as 18:00 horas, será a quenda para que as asociacións culturais Santa María de Torás, Queiroga de Paiosaco e Arume de Caión deleiten ao público cun espectáculo de música e baile tradicionais galegos na praza Les Sables d’Olonne, na que é unha das citas imprescindibles de cada ano nesta programación municipal.

Cartel do Programa Municipal para festexar as Letras Galegas.