A primeira quenda dos campamentos municipais de verán conta con 50 participantes

Participantes da primeira quenda do Campamento de Verán en Caión.
Participantes da primeira quenda do Campamento de Verán en Caión.

O venres, 5 de xullo, concluiu a primeira quenda dos campamentos que cada verán organiza o Concello.

O venres, 5 de xullo, concluiu a primeira quenda dos campamentos que cada verán organiza o Concello. Nesta semana participaron medio centenar de rapaces de idades comprendidas entre os 10 e os 12 anos.

Cada día, desde o pasado luns e ata o venres, o autobús cos rapaces e os monitores saiu da Praza do Concello ás 10:00 h e regresaba ás 18:00 h. A parada para o xantar era ás 14:00. Durante toda a semana os participantes realizaron en Caión moi diversas actividades lúdicas, recreativas, educativas, culturais e deportivas, incluíndo xogos de animación, obradoiro de cociña saudable, inchables de auga, circuíto de karts, contacontos e a festa da escuma coa que finalizaron o campamento. Tamén desfrutaron de saídas ao parque acuático de Cerceda e ao centro de turismo ecuestre O Ventoso de Erboedo.

Todos os anos o Concello aposta por organizar estes campamentos no marco do programa cultural e deportivo de verán aproveitando as instalacións municipais existentes en Caión e as características da vila, que permiten organizar un amplo abano de actividades nesta época do ano. Ademais de ofrecer ao nenos a posibilidade de divertirse practicando deporte e realizando actividades de tipo educativo, os campamentos son tamén unha importante axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos seus pais durante as vacacións nos centros educativos.

Esta semana realizarase a segunda quenda dos campamentos, tamén de luns a venres, no mesmo horario e cun programa de actividades similar. Neste caso os participantes terán entre 7 e 9 anos de idade.