Primeira quenda do campamento de verán en Caión

50 rapaces participan na primeira quenda do campamento de verán en Caión.
50 rapaces participan na primeira quenda do campamento de verán en Caión.

A vila de Caión acolle a primeira quenda dos campamentos que cada verán organiza o Concello.

Nesta semana, desde o pasado luns e ata o venres, está a participar medio centenar de rapaces de idades comprendidas entre os 10 e os 12 anos, que recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de Cultura, Deportes e Ensino, Patricia Bello.

Cada día o autobús cos rapaces e os monitores sae da Praza do Concello ás 10:00 h e regresa 18:00 h. A parada para o xantar é ás 14:00. Durante toda a semana os participantes realizan en Caión moi diversas actividades lúdicas, recreativas, educativas, culturais e deportivas, incluíndo xogos na praia, obradoiro de personalización de camisetas e de maxia, kaiak e pádel surf e a festa con inchables, tobogán de auga e animación musical coa que finalizará o campamento. A programación tamén inclúe saídas ao parque acuático de Cerceda e ao centro de turismo ecuestre O Ventoso de Erboedo.

Todos os anos o Concello aposta por organizar estes campamentos no marco do programa cultural e deportivo de verán aproveitando as instalacións municipais existentes en Caión e as características da vila, que permiten organizar un amplo abano de actividades nesta época do ano. 

A próxima semana realizarase a segunda quenda dos campamentos, tamén de luns a venres, no mesmo horario e cun programa de actividades similar. Neste caso os 50 participantes terán entre 7 e 9 anos de idade.