Presentación do cartel da Festa das Cereixas 2025

Presentación do cartel da Festa das Cereixas 2025.
Presentación do cartel da Festa das Cereixas 2025.

Paiosaco celebra na fin de semana do 5 e 6 de xullo a edición do ano 2025 da Festa da Cereixas.

Paiosaco celebrará na fin de semana do 5 e 6 de xullo a edición do ano 2025 da Festa da Cereixas, unha das celebracións de maior tradición no termo municipal da Laracha que conta co distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia. O evento terá lugar no recinto feiral, precisamente o lugar escollido polos representantes municipais -o alcalde, José Manuel López Varela, e a edil responsable da área de Festas, Patricia Bello- e os membros da Comisión de Festas de Paiosaco para presentar o cartel organizado en conxunto polo Concello e a citada agrupación. 

A programación comezará o sábado 5 cunha sesión vermú amenizada polo Dúo Matices, e continuará pola noite coa verbena amenizada pola orquestra Kubo e unha sesión de disco móbil para seguir gozando da festa ata a madrugada.

O domingo 6 de xullo será o día grande coa Feira das Cereixas, a feira máis importante do ano en Paiosaco e tamén a celebración gastronómica máis relevante do concello da Laracha. Ao longo da xornada os asistentes poderán desfrutar dunha ampla programación cultural e musical pensada para todos os públicos.

Durante toda a mañá, no stand do Concello ofrecerase información turística e haberá unha foodtruck na que degustar, de balde, produtos elaborados a base de cereixas. Ás 11:00 h realizarase o obradoiro Do óso ao brote: a viaxe da cereixa, dirixido ao público infantil e familiar. A actividade explicará o proceso de produción da cereixa, sensibilizando sobre o proceso de crecemento dunha árbore froiteira, valorando o traballo dos produtores e fomentando o respecto polos ciclos naturais.

A charanga Kilomberos de Monte Alto porá a nota festiva durante a feira a partir das 12:00 h. Xa pola tarde, ás 20:00 h, terá lugar unha actuación de música e baile tradicional galegos a cargo da Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco. Pola noite, as 21:30 h o grupo Os Meliados, tamén de música tradicional, dará paso ao concerto estelar de Xurxo Fernandes, previsto para as 22:30 h. O músico coruñés porá en escena o seu espectáculo Levaino!, no que achega unha visión única sobre as músicas de raíz e de creación colectiva, mesturando os sons máis arcaicos da Galicia primitiva, acompañados de pandeireta, co exotismo do Mediterráneo oriental e instrumentación moderna. Na fin de festa haberá fogos artificiais.

O Concello da Laracha está a realizar unha forte aposta nos últimos anos para impulsar a Feira das Cereixas como unha celebración de referencia comarcal, incorporando á programación propostas culturais de calidade e concertos dos artistas máis destacados do panorama folclórico galego, estilo musical que encaixa á perfección coa historia e idiosincrasia do evento. Neste sentido, o Concello tamén recoñece o importante traballo da Comisión de Festas para manter viva esta tradición da Feira das Cereixas cunha programación que abrangue toda a fin de semana.

Anímase á veciñanza, turistas e visitantes a participar nos eventos e gozar de dúas xornadas festivas únicas en Paiosaco arredor dun produto tan representativo como é a cereixa, símbolo de identidade e de tradición para Paiosaco.

Colaboran na organización co Concello e a Comisión de Festas de Paiosaco, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e Abanca.

Cartel da Festa das Cereixas 2025.