O Alcalde recibe aos participantes do programa de intercambio na Laracha

Os alumnos de Les Sables d’Olonne co alcalde da Laracha.
Os alumnos de Les Sables d’Olonne co alcalde da Laracha.

Dez alumnos e dúas mestras do programa de intercambio, chegados desde Francia, desfrutan dunha semana na Laracha.

O Concello da Laracha está irmandado co municipio francés de Les Sables d’Olonne nun programa de intercambio que se marcou como finalidade esencial a realización de programas conxuntos relacionados coa cultura, o deporte, o turismo e o coñecemento dos idiomas que beneficiasen á poboación de ambas localidades.

Grazas ao irmandamento nos últimos anos tamén se potenciou o establecemento de contactos entre entidades, asociacións, clubs e centros de ensino da Laracha e de Les Sables d’Olonne. E froito deles, o IES Agra de Leborís e o Collège Amiral Marveilleux du Vignaux están a levar a cabo unha actividade de intercambio na que participa alumnado e profesorado de ambos centros de ensino.

Así, o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Ensino, Patricia Bello, recibiron aos rapaces participantes e ás profesoras que organizan a iniciativa. Nesta ocasión son dez os estudantes franceses e dúas mestras os que están a desfrutar dunha estancia dunha semana na Laracha. Esta visita, inicialmente prevista para o mes de marzo, tivera que aprazarse debido á folga de transportes nos país veciño.

No pasado mes de abril xa se realizou a primeira parte deste programa coa visita dun grupo de dez alumnos laracheses a Les Sables d’Olonne.

José Manuel López Varela mostrou a súa satisfacción polo xurdimento de iniciativas destas características xa que son “o verdadeiro espírito do irmandamento” e animoumos a todos, franceses e laracheses, a aproveitar esta oportunidade para reforzar a aprendizaxe de idiomas, coñecer outras cultural e territorios e establecer relacións de amizade entre as familias participantes.