En marcha as obras de construción da nova pista polideportiva de Paiosaco

Obras de construción da nova pista polideportiva de Paiosaco.
Obras de construción da nova pista polideportiva de Paiosaco.

Inicio das obras de construción da nova pista polideportiva de Paiosaco.

O alcalde, José Manuel López Varela, xunto aos concelleiros de Obras, Pablo Cambón, e de Deportes, Patricia Bello, supervisaron o inicio das obras de construción da nova pista polideportiva descuberta e de uso libre que se está a construír en Paiosaco. A situación deste equipamento deportivo será estratéxica, a carón do CEIP Alfredo Brañas, fronte ao campo de fútbol A Porta Santa e preto do centro sociocultural da vila.

Os primeiros traballos consisten no acondicionamento e nivelación do terreo sobre o que se levantará a pista, ocupando só unha parte da parcela adquirida polo Concello xunto ao colexio para crear novos equipamentos públicos.

A actuación suporá un investimento de máis de 156.000 euros a financiar integramente con fondos municipais. A pista terá unhas medidas interiores de 46x32 metros, contará cun pavimento deportivo, terá marcados os campos de xogo para diferentes disciplinas (fútbol sala, baloncesto e balonmán) e disporá tanto de peche perimetral cun valado de catro metros de altura como de iluminación en báculos que permitirá o seu uso a calquera hora do día.

Para unha axeitada integración no entorno, tamén se realizarán as actuacións oportunas para favorecer a recollida de pluviais e a adecuación dos accesos desde a estrada por medio dunha beirarrúa que, ademais, comunicará a pista co colexio. De feito, o equipamento abrirá novas oportunidades para o centro educativo durante o horario lectivo.

Esta será a primeira pista polideportiva destas características que o Concello habilitará na vila de Paiosaco. O propósito esencial é ofrecer novas posibilidades para o aproveitamento do tempo libre, especialmente entre a mocidade, potenciando nese grupo de idade a práctica da actividade deportiva e, por tanto, os estilos de vida saudables.