Plan de mellora da accesibilidade nas paradas de autobús

Presentación novas paradas de autobús no concello da Laracha

As primeiras obras que licita a Xunta de Galicia melllorarán 32 paradas na AC-552 nos concellos da Laracha, Arteixo e Carballo

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou na Laracha o Plan de mellora da seguridade e accesibilidade nas paradas de autobús. Estivo acompañada polo alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e representantes do Concello de Carballo, tamén afectado polo Plan.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, achegouse ata a estrada a AC-552, ao paso polo lugar de Cancelo de Arriba. Alí explicou que o novo plan, que suporá actuar nun total de 1.105 paradas de autobús da Xunta.

Dixo que as intervencións previstas garantirán a accesibilidade, pensando especialmente as persoas con dificultades de mobilidade.Por iso, executaranse ramplas de acceso e dotarase á contorna das paradas de pavimento podotáctil. Ademais, tratarase de favorecer a conectividade das paradas, a través da execución de beirarrúas ou sendas peonís. Tamén se mellorarán as paradas con novos refuxios, bancos e apoio isquiático que ofrezan comodidade durante a espera.

Mellora de 32 paradas na AC-552

A titular de Infraestruturas e Mobilidade, explicou que a Xunta investirá un total de 35,5M. Comezan por activar o investimento de 1,3 M€ nas primeiras obras que se licitan, para mellorar 32 paradas na AC-552 nos concellos da Laracha, Arteixo e Carballo. As empresas interesadas na execución dos traballos teñen de prazo ata o vindeiro 9 de decembro para presentar as súas ofertas.

Segundo avanzou a conselleira, non son necesarias expropiacións, polo que o obxectivo é iniciar os traballos na primavera 2023, cun prazo de execución de 12 meses. A maioría das actuacións, un total de 18, executaranse no treito da estrada AC-552 ao seu paso polo termo municipal da Laracha.

Estas actuacións incluirán, o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna con sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas e colocación de varandas para protexer aos usuarios onde poida haber desniveis.

Fondos Next Generation

Ethel Vázquez fixo fincapé nesta nova iniciativa impulsada pola Xunta, aproveitando a oportunidade que supoñen os fondos Next Generation de mobilidade sostible. Salientou, ademáis, a aposta nos últimos anos do Goberno galego polo fomento do transporte público, reflexada na renovación e modernización de todo o mapa de transporte interurbano da comunidade. Existen máis de 3.500 liñas de transporte que percorren Galicia, con 1.800 autobuses e máis de 55.000 paradas.