Noelia Loureiro Serrano, campioa de salvamento e referente inspirador, celebra o 8M desde A Laracha

Noelia Loureiro Serrano.
Noelia Loureiro Serrano.

No marco do Día Internacional da Muller, o Club de Salvamento e Socorrismo de A Laracha destaca a figura de Noelia Loureiro Serrano.

No marco do Día Internacional da Muller, o Club de Salvamento e Socorrismo de A Laracha destaca a figura de Noelia Loureiro Serrano, unha deportista excepcional cuxo exemplo transcende as fronteiras do deporte para converterse nunha inspiración para nenas e mulleres de toda a comunidade. 

Noelia, subcampioa de Europa e posuidora de múltiples récords nacionais e galegos, encarna os valores de dedicación, perseveranza e compromiso que o club promove. A súa  paixón polo salvamento e socorrismo levouna a acadar grandes logros deportivos, ao tempo que destacaba nos seus estudos de pedagoxía terapéutica e se involucraba activamente na educación da comunidade. A súa historia de compaxinar deporte, estudos e traballo, superando incluso unha oposición, convértea nun exemplo tanxible de que con esforzo e constancia se pode acadar o éxito. 

Declaracións de Noelia

"O salvamento é un deporte no que hai espazo para todas", afirma Noelia nunha entrevista concedida ao club. "No equipo, cada unha ten o seu lugar, e sempre me sentín apoiada, non só polas compañeiras e compañeiros, senón tamén polos adestradores/as, a directiva, as familias e ata as veciñas e veciños que sempre nos respaldan". 

Máis aló dos seus éxitos deportivos, Noelia é un exemplo de como compaxinar o deporte cos estudos e a vida persoal. A súa organización, disciplina e o apoio da súa familia foron clave  para superar os desafíos e acadar as súas metas. 

"O deporte deume a oportunidade de vivir experiencias emocionantes e aprender moito ao  longo do camiño", asegura Noelia. "Axudoume a medrar como persoa, a forxar a miña  personalidade e a aplicar estas ensinanzas na miña vida académica e profesional". 

Así, o Club de Salvamento e Socorrismo de A Laracha celebra o 8M reafirmando o seu  compromiso coa igualdade de xénero no deporte e recoñecendo o papel fundamental de mulleres como Noelia, que inspiran ás novas xeracións a perseguir os seus soños e a contribuír positivamente á sociedade. O club busca atraer e reter aos mozos na comunidade, ofrecendo formación nun deporte que salva vidas e que representa unha profesión con futuro en salvamento e socorrismo. "Para min, é unha verdadeira honra ser embaixadora do Club de Salvamento e Socorrismo de A Laracha", afirma Noelia. "Este club sempre foi o meu fogar e xogou un papel fundamental no meu crecemento persoal e deportivo".