A escola infantil "A Galiña Azul" celebra o Día do Libro na biblioteca da Laracha

Visita da escola infantil "A Galiña Azul" á biblioteca municipal da Laracha.
Visita da escola infantil "A Galiña Azul" á biblioteca municipal da Laracha.

Na data na que se celebra o Día Internacional do Libro, a escola infantil “A Galiña Azul”, visitou a biblioteca municipal da Laracha.

Na data na que se celebra o Día Internacional do Libro, preto dun centenar de nenos de 1, 2 e 3 anos de idade, usuarios da escola infantil pública “A Galiña Azul”, visitaron a biblioteca municipal da Laracha. 

Os cativos asistiron ao contacontos teatralizado Contos pequeniños, de Bea Campos. Ao rematar, todos os nenos subiron á biblioteca para coñecela e o Concello agasalloulles cun libro de temática acorde á súa idade. 

A iniciativa foi organizada polo Concello coa finalidade de que os usuarios da escola infantil desfrutasen dunha actividade dirixida a facer que os cativos se interesen polos libros e a lectura xa desde idades moi temperás. Fíxose no marco do programa municipal do Mes do Libro, que se vén desenvolvendo nas últimas semanas e para o que aínda restan actividades por realizarse.

Este domingo ás 18:00 h no Centro Sociocomunitario de Caión ofrécese o contacontos Un rosel de Ardora, de Polo correo do vento, e o martes 29, Día Internacional da Danza, concluirá a programación co obradoiro Danzando coa primavera, pensando para maiores de tres anos e que impartirá Laura Martínez Rey no baixo da biblioteca da Laracha ás 17:30 h. Neste último caso requírese inscrición previa (gratuíta) ao ser as prazas limitadas.