O Alcalde recibe aos deportistas do Club de Salvamento Acuático Laracha (SAL)

Recepción do alcalde aos deportistas do Club de Salvamento Acuático Laracha (SAL).
Recepción do alcalde aos deportistas do Club de Salvamento Acuático Laracha (SAL).

José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, e a concelleira de Deportes, Patricia Bello, recibiron aos deportistas mais destacados do Club de Salvamento Acuático Laracha (SAL).

José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, e a concelleira de Deportes, Patricia Bello, recibiron no centro sociocomunitario de Caión ao equipo directivo, persoal técnico e deportistas máis destacados do Club de Salvamento Acuático Laracha (SAL) en recoñecemento aos excelentes resultados obtidos nos campionatos de ámbito autonómico e estatal celebrados neste verán. 

O rexedor municipal en primeiro lugar valorou o “esforzo das persoas que forman parte do club e tamén dos pais para que adestrar e competir nesta disciplina deportiva estea ao alcance de todos”.

En canto aos éxitos a nivel colectivo e individual, López Varela afirmou que “non deixades de sorprenderme” porque “cada ano o SAL ten máis deportistas, de maior nivel e presenta uns resultados excelentes”. Non obstante, o alcalde lembroulles que “máis aló das medallas, das marcas e dos récords, o fundamental é que desfrutedes practicando deporte nun ambiente san, no que se promocionen os estilos de vida saudables e que sexa tamén unha etapa importante da vosa formación e crecemento persoal”.

Resultados mais importantes

Como resultados máis importantes deste verán, o SAL estivo presente nos Campionatos de España das diferentes categorías. En absoluta, Anxo López e David Fraga quedaron cuartos clasificados en rescate con táboa. En xuvenís, o club SAL finalizou entre os dez primeiros na clasificación xeral tanto en categorías feminina, como masculina e mixta. Ademais, en cadetes o SAL quedou entre os dez primeiros en 18 probas, cun 4º posto en salvamento con tubo de rescate.

Nos Campionatos Galegos en categoría absoluta Anxo López, que aínda é xuvenil, obtivo a prata en nadar surf. En xuvenil e júnior lograron 12 medallas en probas individuais e colectivas (2 ouros, 5 pratas e 5 bronces). En infantil-cadete o club foi campión galego na clasificación xeral e sumou un total de 13 preseas (5 de ouro, 5 de prata e 3 de bronce). E en categoría alevín foi subcampión na clasificación xeral e os seus deportistas acadaron 4 medallas (1 ouro e 3 bronces).

Ademais, no Campionato Galego de Augas Abertas en categoría máster obtiveron outras 5 medallas (2 pratas e 3 bronces).

O alcalde tamén valorou os récords galego absolutos en piscina obtidos en maio por deportistas do SAL nas probas de 4x50 rescate tubo e 4x25 relevo maniquí.

López Varela expresou o “orgullo” do Concello da Laracha por ser unha potencia nos ámbitos galego e nacional en salvamento e socorrismo grazas ao SAL, e reiterou o compromiso de colaboración institucional do Concello co club, apuntando que a achega municipal é de 15.000 euros “para cooperar no financiamento dos gastos, incluído o uso da piscina”