O Concello solicitará axudas a Xunta de Galicia e Deputación da Coruña

Reunión da Xunta Local (imaxe de arquivo)
Reunión da Xunta Local (imaxe de arquivo)

Coas axudas preténdese incorporar persoal técnico para diferentes departamentos municipais e unha cuadrilla para obras e servizos

Hoxe celebrouse unha sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local na que se acordou solicitar a participación do Concello en diferentes convocatorias de axudas da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial da Coruña dirixidas á contratación de persoal.

Así, á Consellería de Emprego e Igualdade solicítase a cooperación económica para o mantemento durante outros doce meses do servizo municipal de orientación laboral ao abeiro da convocatoria publicada no DOG número 17 do 26 de xaneiro de 2022.

Á Deputación Provincial da Coruña preséntanse varias solicitudes. Con cargo ao programa de emprego local PEL-Concellos 2022 preténdese formar unha cuadrilla de obras e servizos municipais por un período de oito meses. Estará composta por sete persoas: catro peóns, dous traballadores para servizos xerais e un capataz. Entre as súas funcións estarían a realización de labores para a instalación de sinalización viaria, reparación de beirarrúas e sumidoiros. Tamén, acondicionamento do terreo para a ubicación de colectores, mantemento de espazos públicos, conservación medioambiental, limpeza viaria e apoio loxístico aos servizos municipais. Os beneficiarios serían persoas que se atopen en situación de desemprego, inscritas no Servizo Público de Emprego e que estean incluídas nalgunha situación de exclusión laboral.

Ademais, proponse cofinanciar con diferentes liñas de subvencións da Deputación a incorporación de técnicos especializados para o servizo municipal de deportes e a atención do Museo dos Muíños de Golmar e da oficina de turismo de Caión.

Rede de bibliotecas municipais

Ao abeiro da orde da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que regula as axudas para as bibliotecas públicas (DOG número 24 do 4 de febreiro), o Concello pretende acollerse aos programas para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico e para a mellora da colección bibliográfica.

Licencias urbanísticas

Foron concedidas dúas licencias de obra para a construción de sendas vivendas unifamiliares, unha delas no Cruceiro de Lestón e, a outra, no núcleo caionés de Goxán.