Formalizado o contrato de execución do proxecto de mellora da rede viaria en Montemaior e Golmar
O alcalde e o responsable da empresa Excavaciones y Obras Candal, S.L. formalizaron o contrato de execución do proxecto de mellora da rede viaria que afecta ás parroquias de Montemaior e de Golmar.
O alcalde, José Manuel López Varela, e o responsable da empresa Excavaciones y Obras Candal, S.L. formalizaron o contrato de execución do proxecto de mellora da rede viaria que afecta ás parroquias de Montemaior e de Golmar e que fora recentemente adxudicado polo órgano competente, a Xunta de Goberno Local.
No núcleo de San Fins (Montemaior) vai ser renovada a superficie de rodadura nun tramo da vía e acondicionados os sobreanchos coa finalidade de anchear a plataforma da calzada e dotar á zona con aparcamentos. Como medidas de seguridade, vai ser creada unha escollera para a contención da calzada e ampliada a rede de recollida de pluviais.
En Sabaceda (Montemaior) os traballos consistirán en dotar á estrada dunha nova capa de rodadura, así como a limpeza das cunetas e o afirmado dos bordes da calzada.
E no núcleo da Pedra (Golmar) tamén vai ser renovado o pavimento da vía.
Nos tres casos as actuacións concluiranse coa sinalización horizontal e vertical para mellorar a visualización e reforzar a seguridade viaria.
O proxecto está valorado nun total de 137.000 euros. Unha vez formalizado o contrato, as obras comezarán a executarse en próximas datas.