Axudas municipais á escolarización

As axudas do Concello para os estudantes ascende a 75.000 euros

Aberto o prazo de solicitudes ata o 30 de setembro

Ata o 30 de setembro permanecerá aberto o prazo de solicitude de participación na convocatoria de axudas municipais ás familias para a escolarización dos seus fillos para o curso escolar 2025-2026. As bases da convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do día 28 de xullo.

As instancias deben presentarse debidamente cubertas e acompañadas da documentación requirida. Poden recollerse na Casa da Cultura -lugar no que está operativa a Concellería de Ensino- ou descargarse da web municipal (www.alaracha.gal, apartado de ‘avisos’) ou da Sede Electrónica.

Unha vez rematado o prazo, a Comisión de Valoración analizará todas as solicitudes presentadas atendendo a criterios educativos e económicos, beneficiando principalmente ás familias con menores recursos económicos.

Poden solicitar beneficiarse da convocatoria todos os estudantes empadroados no municipio da Laracha, desde alumnos de educación infantil ata universitarios. A dotación económica alcanza os 75.000 euros, sendo as contías individuais:

  • 165 euros para os beneficiarios das bolsas de estudos que sexan estudantes de educación infantil
  • 150 euros para os de educación primaria, secundaria obrigatoria e programas de garantía social,
  • 225 euros para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior
  • 350 euros para aqueles alumnos que presenten necesidades educativas especiais
  • 400 euros para os que cursen estudos universitarios (grao medio, superior e máster)

Cabe lembrar que estas axudas municipais son compatibles con calquera convocatoria de bolsas de estudos realizada por outra administración ou institución.